Parroquia de Monte Porreiro | Día da Caridade

A parroquia de Monte Porreiro celebrou o sábado 21 e o domingo 22 o Día da Caridade, tendo como referencia o lema deste ano “Onde hai persoas, hai Esperanza”. Cantos, símbolos, monicións, oracións…foron preparados polo equipo de Cáritas, para lembrar que Xesús está presente no Pan e no Viño, pero tamén nos irmáns, sobre todo nos máis necesitados.

O cartel da Xornada, colocado nun lateral do altar, foi ambientando as celebracións antes do seu inicio. Previamente, puxéronse nalgúns bancos algunhas palabras relacionadas coa Caridade: Acollida, Respecto, Coidado, Amor, Xenerosidade, Servizo e Xustiza. Cada unha delas estaba ilustrada cunha imaxe, na que aparecía voluntariado de Cáritas exercendo unha acción relacionada coa palabra escrita.

Despois da lectura da Palabra proxectáronse na parede, líase en alto cada unha e invitábase ás persoas que a tiñan no seu banco a comentala. Esta parte da celebración rematouse lembrando que coidar, acoller, amar, servir, traballar pola xustiza… é misión de todo cristián.

Posteriormente proxectouse o vídeo da Xornada, no que aparecían persoas de todas as idades facendo xestos de acollida, axuda, valoración… rematando coa invitación a ser Esperanza para os demais

Despois da bendición, cantouse o tema de Luis Guitarra “Si todo es de todos”. Este ía acompañado dun vídeo, no que aparecen nenos da República Dominicana, da Fundación La Merced (contra o traballo infantil), cantándoa.

E o sábado, despois da celebración, unhas 50 persoas participaron duns pinchos no salón parroquial. Foi todo un ágape fraterno e multicultural, no que cadaquén aportou algo. Ao igual que no Evanxeo do día (a multiplicación dos pans e os peixes) o compartir cristián fíxose visible, sendo conscientes da nosa misión de “facernos pan” para os nosos irmáns.