Peregrinación de Arciprestados

Foron iniciativa do cardeal Martín de Herrera. No seu afán de promover o culto xacobeo, tamén animou concentracións de fieis no monte do Santiaguiño de Padrón. El mesmo predicaba alí posto sobre as pedras nas que unha fermosa tradición padronesa asegura que predicara o mesmo Apóstolo Santiago. Moi fermosa idea aproveitada pastoralmente polo cardeal compostelán.

En recoñecemento o seu labor por exaltar a devoción a Santiago, púxose na mesma Praza das Praterías unha gran placa de bronce coa efixie do prelado. Está adosada á parede da Catedral, fronte mesmo á Fonte dos Cabalos.

As crónicas de cada peregrinación no Ano Santo de 1.910 son unha delicia para o recordo e un estímulo para nós. Para ir a Santiago había que ir dacabalo ou a pé.

A estrada Santiago-Carballo inaugurouse no verán de 1.928, anque o tramo Santiago-Portomouro estaba en servizo moito antes como integrante da estrada Santiago-Santa Comba. Mesmo de Portomouro a Bembibre había estrada no 1.905. Pero o tramo Carballo-Bembibre tivo moitas interrupcións.

As crónicas van no BOAS do 1.910 (tamén as hai noutros anos, pero máis breves, dependentes das do 1.910) e non levan firma. Quén será o autor de tan sabios apuntes históricos, costumbristas, piadosos…?

Aventuramos dúas hipótesis pensando nos persoeiros que daquela sobresaían en Compostela. O gran López Ferreiro finara en abril de 1.910. D. Pablo Pérez Costanti, moi ligado ó Arquivo da Curia, autor de Notas Viejas Galicianas e de Diccionario de Artistas, parécenos o máis indicado como autor.

Tamén D. Xesús Carro García, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, con varios libros sobre temas xacobeos e da arte na Catedral. Vén sendo tío de D. Xosé Carro Otero, finado neste ano de 2.021. Médico e historiador. Contaba el que canto sabía como historiador aprendérao do seu tío D. Xesús.

Vivía este meritísimo sacerdote na súa casa natal, no cantón do Toural, en Santiago. Dicían en Santiago que D. Xesús, tan amante das peregrinacións, desde a porta da súa casa ía contando os peregrinos que pasaban pola Rúa do Vilar camiño da Catedral.

Organizábase a procesión na Alameda. A banda municipal cerraba a comitiva. Había quen cantaba cantos marianos, porque o Himno “Santo Adalid” é do 1.920, e o daquela vixente “Dos favores” era curto e difícil.

Martín de Herrera desde a galería do Pazo Arcebispal bendicía ós peregrinos. Unha comisión capitular recibíaos. Xeralmente formada por cóengos ligados a cada arciprestado.

Presidían as autoridades locais, os persoeiros de cada comarca. Eran elixidos para levar o estandarte e recoller as cintas, señoras de acreditada honradez e piedade.

Había Misa rezada (non concelebrada) por un cura novo (que estaba en aúnas). Sobre un altar posto adrede, porque celebrar no altar maior era privilexio dos cóengos.

Durante a Misa, rezábase o rosario, dirixido por un cura que tivese boa voz (non hai megafonía). O rezo detíñase no intre da Consagración. Aquí, particular énfasis na expresión devocional dos fieis.

Rematado isto, non hai foto, pero cada parroquia tiña organizado o seu xantar. Aló pola carballeira de Sta Susana.

Como queira que o arciprestado actual de Bergantiños inclúe o que daquela tamén era Seaia, independente, presentaremos os dous. A bo seguro que nos sentiremos aludidos por antecesores, ou noticias, nas crónicas do Ano Santo de 1.910, conservadas no BOAS.

Xosé Pumar Gándara