Ramón Martínez: De mariñeiro a cura convencido

Non acontece a diario, pero tampouco é única a experiencia vital do muradán Ramón Martínez Caamaño, quen despois dunha eficiente preparación profesional e dun frutífero porvir laboral, rexeitou esa forma de vida e decantouse pola axuda aos demais. Aínda que non sexa unha rara avis nos nosos tempos, é digno de destacar que un proveitoso patrón de pesca de Muros, troque aparellos e barcos pola acción pastoral. Moncho de Chuvasco, como se lle coñece na súa vila natal, non o dubidou, e a piques de cumprir os 30 anos matriculouse na Universidade Pontificia de Salamanca coa finalidade de acadar a orde sacerdotal. Aos 35 anos oficiaba a súa primeira misa, e dende aquela ata a actualidade, xa con 66, segue entregado á acción pastoral, aínda que a súa pouca saúde levouno a pedir a xubilación.

A chamada de deus ou a monotonía da vida levaron a Ramón Martínez ao seminario. «Todo estaba demasiado ben, pero a min non me satisfacía. Aspiraba a facer algo máis, e especialmente algo do que se beneficiasen os que me rodeaban», afirma o sacerdote. Nas longas noites de inverno, capturando cefalópodos en África ou albiscando o romper do día nas costas galegas na procura de lagostinos, Moncho de Chuvasco soñou que quería ser cura. Si, un cura distinto a don Ramón, a quen idolatraba súa nai, pero el quería integrarse máis na sociedade e compartir cada un dos problemas cotiáns dos fregueses, e tentar axudalos, en especial aos máis necesitados. Ninguén se alegrou máis desa decisión que a súa proxenitora, os demais, tanto familiares coma amigos, tardaron en asimilalo.

Pasado o tempo, este cura muradán recoñece que tivo as súas dúbidas vitais. Primeiro ao decidir deixar o mar, que fora sempre para toda a súa familia o destino obrigado e ao mesmo tempo ansiado polos varóns, amor ao que nunca renunciou. «Non sei se fun elixido ou me levou ao sacerdocio a miña forma de ser e de pensar. A ausencia desa chamada directa da providencia, da que algúns falan, e tamén as dúbidas de fe acudiron á miña mente, pero hoxe digo con total convencemento que a decisión tomada mereceu moito a pena. De ser posible, cambiaría tódalas circunstancias, éxitos e posicións sociais por ser de novo cura».

Tres décadas de traxectoria

Pese a iso, Ramón Martínez experimentou decontado as penurias que afectan aos sacerdotes, e dentro delas, destaca a soidade. «O de vivir coma un cura é xa historia. Hoxe padécense moitas limitacións, entre as que destaca a económica, o exceso de traballo pola carencia de vocacións e a perda de compromiso e relixiosidade de moita xente. Tamén está de moda fomentar o anticlericismo e a renuncia á nosa cultura católica, que pese aos erros cometidos é admirable», afirma Moncho Martínez. Nos seus 30 anos de actividade pastoral exerceu en dúas parroquias de Compostela e en localidades de Mazaricos, Outes e Muros, ata que unha diabetes o levou como capelán ao Juan Canalejo, pero diversas doenzas obrigárono despois a deixar o cargo. Na actualidade, é párroco emérito de Torea e colabora en tarefas litúrxicas nas freguesías da zona.

Pausado, bo conversador, aínda que rexeita o fútbol e a política partidista nos faladoiros, sempre alleo ao bulir e ás liortas, non quere ser protagonista de nada: «Eu quero pasar pola vida con humildade e en silencio. Son consciente de que me quedou moito por facer, aínda que canto fixen foi sen esperar recoñecemento de ninguén. Sempre recibín un trato de favor, especialmente dos meus superiores, e lamento que a miña enfermidade limitara tan cedo o meu labor», conclúe.

Ramón Martínez non escapa a comentar o seu parecer sobre temas de actualidade relixiosa coma o celibato, do que di: «Quizais desapareza, pero non aumentarán por iso as vocacións, nin diminuirán os problemas dos curas». Tamén fala sen poñer trabas da administración de sacramentos: «Non ten sentido falar de recibir sacramentos sen unha formación previa». Ao referirse á xuventude comenta: «Que os máis novos sexan rebeldes non é unha novidade. Na súa volta á igrexa é determinante a formación familiar que recibiron».

 

Fuente: La Voz de Galicia