Como sacerdote de dez parroquias de Zas, Francisco Gómez-Canoura, é un dos responsables da Cea Solidaria que Cáritas Interparroquial de Soneira celebrará este noite no polideportivo de Zas (21.30 horas). Por só 15 euros (5 para os menores de 10 anos) os asistentes poderán axudar aos nenos de Perú e degustar un menú xa tradicional: arroz con salsa de champiñóns e bacallau con patacas.
-Unha cea que xa é toda unha tradición
-Si, porque hai xa uns cantos anos que se fai; pode que sexan 12 ou 13 e sempre se celebra o venres despois do mércores de cinza, unha vez rematado o entroido e comezada xa a coresma.
-¿En que se empregan os cartos recadados?
-Cáritas é unha organización que ten a Igrexa católica para facer obras de caridade, para axudar aos máis necesitados. No caso de Cáritas Interparroquial de Soneira, que agrupa as 10 parroquias que eu levo máis outras do municipio de Vimianzo e algunhas de Zas que leva o sacerdote Alejandro García Touriñán, e desde o comezo decidiuse que os cartos recadados con esta cea anual foran para Perú, a unha organización relixiosa dunhas monxas carmelitas misioneiras que se dedican ao coidado de menores.
-¿Por que é importante acudir a esta cea?
-Por dous motivos fundamentais. Cando unha persoa é crente unha das cousas que ten facer neste tempo de coresma é acordarse máis das persoas necesitadas, e iso pódeo facer acudindo a esta cea solidaria porque o que sobra do que comemos vai para esa finalidade. E segundo, porque tamén é un bo momento para encontrarnos e pasar un bo rato, porque sempre hai actuacións e agasallos, posto que colaboran todos os comercios da zona. Hai xente que ao mellor só se ve ese día.
-¿Como é a resposta dos veciños?
-Eu levo nestas parroquias vai haber 3 anos, así que para atrás moito non podo falar, pero neste tempo vai en aumento o número de participantes. Pasamos de 700 a 900 persoas e este ano intentaremos superar esa cifra. O Concello de Zas déixanos o polideportivo e as mesas e as cadeiras, pero como somos tanta xente hai que pedir cadeiras tamén á Cabana.
Fuente: F. Rodríguez | La Voz de Galicia
Foto: @fcogomezcanoura