Vinte e cinco anos sen Constantino Campos, cura de Verdillo (Carballo)

«Dende o primeiro día, o crego estivo traballando como un obreiro máis. Con pico, pala ou sacho, desfacendo muros para enterrar pedras naquelas fondas lameiras. Cantos suores derramou, sobre todo ata que se liberou da sotana». Aló polos oitenta, o nome de Constantino Campos, cura de Verdillo (Carballo), poboaba estas páxinas e espertaba os eloxios dos cronistas da época por un labor que foi sempre moito máis aló do eclesiástico. Foi pastor, foi construtor, foi divulgador cultural, foi faro, foi guía, e 25 anos despois do seu pasamento, os que foron os seus fregueses pretenden renderlle tributo.

Constantino Campos, que xa no Concello da Baña fora o promotor dunha das primeiras concentracións parcelarias da provincia, chegou a finais dos sesenta a un Verdillo que tiña un grave problema de comunicacións. Rexeitaron os paisanos a súa proposta de parcelaria, así que ideou no seu lugar un proxecto para abrir ata trinta quilómetros de pistas ás casas, campos, leiras e montes. Fixérono entre todos, a forza de vontade e de traballo en comunidade, e mesmo do mantemento se encargaron durante anos. «Tiene Constantino por costumbre solicitar la ayuda del Ayuntamiento, pero solo para la concesión de material. Lo demás —el mantenimiento, con los correspondientes arreglos de baches, etc.— lo lleva a cabo juntamente con una cuadrilla de rapaces que se prestan voluntarios para realizar estas tareas en horas no lectivas», recollía La Voz no 1982.

A el mesmo se lle podía ver a miúdo co material necesario para tapar buracos ou aliviar acumulacións de auga. «Dende as cinco da mañá estou funcionando», dicía no 1993, cando festexaba as súas vodas de ouro sacerdotais, «e aínda hoxe collo a carretilla para tapar algúns baches», engadía.

Centro social

No 1978, con moito esforzo, lograron entre todos reunir os cinco millóns de pesetas que custou o terreo sobre o que máis tarde se construíu o centro social de Verdillo. Tamén a man, tamén en comunidade. «Treinta obreros de la parroquia trabajan gratuitamente desde hace unos meses para construir lo que será la casa de los vecinos. Campos Pena se refiere a ellos como la vanguardia, mientras que los vecinos que no obran, componen la retaguardia y se ocupan, por turnos, de dar de comer a los albañiles», explicaba La Voz a inicios dos noventa. O cura xustificaba este proxecto asegurando que a parroquia precisaba dun lugar onde dialogar, pois na igrexa, «só fala o cura».

Cura bo e bo cura, dixeron sempre dun pastor que nunca descoidou ao seu rabaño. Así o amosou cando non dubidou en ceder a súa casa a unha familia que quedara na rúa ao perder a súa vivenda nun incendio. Malia á súa avanzada idade —daquela tiña xa máis de setenta anos—, puxo de novo por diante ao próximo.

Gran promotor da asociación Arume e doutras moitas intervencións tamén na veciña parroquia de Artes, no 1999 as asociacións locais elixírono Carballés do Ano, homenaxeando así «a una persona que ha dedicado casi toda su vida a la defensa de los intereses de los vecinos, y que ha conseguido dinamizar social y culturalmente la parroquia», rezaba a crónica de aquel entón.

Unha decisión que el recibiu con agrado, explicando ao pouco tempo a La Voz que o seu corazón estaba en Bergantiños, «terra bendita de pan e boas patacas», e que recoñecementos como aquel que estaba a piques de recibir proporcionábanlle «folgos para dar un brinco máis na vida e seguir nesta loita a favor de todos». Non dispuxo, non obstante, de moito máis tempo para continuar coa súa obra, pois faleceu apenas un par de anos despois.

Constantino, un cura bo, pero por enriba de todo un bo home, foi despedido entre eloxios pola súa humildade e dedicación. Un faro que só deixou de alumear Verdillo na fin da súa vida.

A veciñanza de Verdillo únese para recuperar a súa memoria

Naquel discurso de recepción do premio Carballés do Ano, admitiu Constantino estar apesarado por non ter podido deixar un arquivo sobre a historia da parroquia para os seus sucesores. Agora, vinte e cinco anos despois do seu pasamento, a veciñanza de Verdillo únese para honrar ese seu último desexo.

Está en marcha un proxecto para crear un arquivo colaborativo que recolla testemuñas, documentos e materiais «que permitan reconstruír a historia da parroquia e da comunidade durante os anos nos que Constantino estivo á súa fronte», explican os organizadores. Outras voces, como a do cura de Carballo José García Gondar, piden que se bautice co seu nome ese centro social de Verdillo que el axudou a construír.

Fuente: La Voz de Galicia