A familia lasaliana de Santiago, formada por familias, alumnado e educadores dos colexios La Inmaculada e La Salle celebrarán o 14 de maio, ás 10.30 h., na praza da Quintana unha gran xuntanza de lembranza conmemorando o tricentenario do pasamento do seu fundador, San Xoán Bautista de La Salle.
Os directores de ambos centros, Irma García e Jesús Martín, darán a benvida cunhas palabras de apertura. A continuación os propios rapaces contarán a historia do Juamba, o patrón dos educadores cristiáns do mundo, a través dun conto, mentres outros nenos debuxarán unha estrela e un “300” cos seus propios corpos e tamén as camisetas que levarán.
Para rematar interpretarán a canción conmemorativa Un corazón, un compromiso, una vida, nas principais linguas do mundo onde se atopan centros La Salle.
VALORES HUMANOS. Os centros La Salle de España e Portugal están a celebrar os 300 anos do pasamento do San Xoán Bautista de La Salle, quen a finais do século XVII, se asociou cuns mestres para manter escolas dedicadas aos nenos pobres. Con eles fundou o Instituto dos Irmáns das Escolas Cristiás. La Salle é unha institución educativa baseada nos valores humanos e cristiáns cunha presenza mundial: máis de 1.000.000 de alumnos en 80 países ocupan as súas aulas e espazos dedicados á educación de nenos e mozas. En España e Portugal, 120 obras educativas atenden uns 100.000 alumnos xunto a máis de 6.000 educadores.
A misión de La Salle segue sendo mirar a realidade, deixándose impresionar e traballar para dar, desde a educación, a mellor das respostas aos que máis o necesitan en calquera parte do mundo, intentando construír unha sociedade máis xusta e solidaria, adaptándose ás distintas realidades dos lugares ata os que chega desde a responsabilidade, creatividade, xustiza, convivencia, interioridade e a trascendencia.
Fuente: El Correo Gallego