A Fundación Catedral de Santiago asinaba, na súa sede esta mañá, un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Industria Forestal (XERA) e o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos de Madeira de Galicia (CIS Madeira) para a realización de actuacións de restauración e conservación do patrimonio en madeira da Catedral de Santiago. O documento foi asinado polo director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, e polo Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
A Catedral de Santiago de Compostela alberga un importante patrimonio cultural en madeira que demostra a sua eficacia funcional, tanto a nivel estructural como ornamental, durante séculos. O coñecemento sobre as técnicas empregadas, así como as calidades dos materiais protagonistas de moitos dos elementos máis simbólicos da Catedral de Santiago, permitirá a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA-CIS Madeira) continuar argumentando o fomento da utilización da madeira, así como empregar ás capacidades técnicas e innovadoras existentes en Galicia para divulgar actuacións de excelencia e exemplarizantes.
A complementariedade entre a Fundación Catedral de Santiago de Compostela e XERA-CIS Madeira quedou patente despois dunha serie de actuacións conxuntas, como foi a avaliación do estado dos xugos das campás da Torre Sur, que permitiron recuperar e manter as pezas orixinais que siguen cumplindo a sua función orixinal.
Este convenio contempla o asesoramento técnico por parte de XERA-CIS Madeira en aspectos relacionados coa diagnose do estado actual das diferentes estruturas de madeira da Catedral de Santiago, a intervención en estruturas de madeira para a súa recuperación, o deseño construtivo, os tratamentos protectores e de acabado, o control de calidade da madeira requirida para novas estruturas.
Ademais, inclúe a difusión do coñecemento xerado na Catedral de Santiago mediante a organización de xornadas técnicas e a publicación dos traballos realizados, así como o desenvolvemento de técnicas de reparación e reforzo que poderán ser empregadas noutros ámbitos de actuación dentro do sector da rehabilitación de estruturas de madeira.
Entre as actuacións inmediatas, obxecto do convenio, destaca a construción das estruturas de madeira de castiñeiro en cubertas de capelas da xirola, así como a inspección do estado da estrutura de madeira que conforma o baldaquino da Capela Maior. A inspección permitirá comprender en profundidade a tipoloxía construtiva do baldaquino, unha obra mestra da segunda metade do século XVII cuxa solución obrigou aos autores a recorrer a un intelixente uso do “baleiro”, con importantes repercusións na arquitectura posterior.
Entre as técnicas empregadas para realizar a inspección destaca o uso do resistógrafo. Este equipo realiza un trade milimétrico sobre a peza de madeira e mide a resistencia á penetración que ofrece o elemento estrutural. As diferenzas na resistencia que ofrece a madeira ao avance da broca, permiten detectar os posibles danos internos existentes pola presenza de fendas ou ataques xilófagos. En función dos resultados obtidos, a actuación contempla o reforzo dos puntos críticos estruturais mediante técnicas de intervención innovadoras e, ao mesmo tempo, reversibles.
Fuente: Catedral de Santiago