A biblia do home galego

A xente ten a tendencia de se apropiar do que lle gusta, mesmo se non lle pertence. Canto se trata de bens contables resulta moito menos doado, por mor do dereito de propiedade que ten todo o que posúe algo. Sen embargo, cando son verbas ou personaxes alleos que proferiron frases importantes, de ordinario algunha xente as repite sen citar a quen as dixo por vez primeira, e que terían o dereito a acuñar esas verbas moitas veces ilustrativas.

A Biblia non é do home galego nin do americano. Os que están achegados a ela, adoitan dicir que é a palabra de Deus. O Señor non tiña verbas humanas para se dirixir aos homes; pero tiña homes que podían escribir o que El lles encomendaba. Mesmo había uns aos que lle chamaban profetas, que repetían o que Deus lles ía dicindo. Outros foron recollendo datos; e, xunto con algúns discípulos ou algúns que se chaman redactores, puxeron por escrito eses 72 ou 73 volumes que, despois de enfaixalos, forman o que se deu en chamar “Os libros” (en grego, “Biblia”). Separando os do Antigo dos do Novo Testamento, son respectivamente 45 ou 46 do Antigo, e 27 do Novo, os que forman en total a Biblia.

A expresión “A Biblia do home galego” intenta reflectir o que acontece nestes momentos da nosa vida: acaba de aparecer a 4ª edición da Biblia en galego, unha lingua latina que ten menos difusión ca o castelán, pero que encaixa moi ben na mente e no corazón do home pertencente á autonomía galega. Trátase dunha tradución feita por especialistas bíblicos e lingüistas galegos, que lle foron dando un ton axeitado á condición do crente destas latitudes. Mesmo entre os mapas hai un que é o de Galicia, en comparación co da terra de Palestina. Aos mapas anteriores engadíronse algúns de Israel e do mundo da dispersión cristiá pola Asia Menor, elaborados por Braulio Arce, recentemente falecido.

Non hai obra que poida considerarse perfecta na súa primeira andadura. De feito, as moitas persoas que colaboraron nesa publicación, foron de moi diverso tipo: uns promovérona desde as Institucións (a Igrexa Compostelán e a Xunta de Galicia); outras, desde o seu ámbito de dedicación (fundamentalmente SEPT, a quen se debe que o libro vira a luz), ou a Real Academia, o Instituto da Lingua, e outros que ofreceron o seu ascendente na sociedade na que vivían, e os seus coñecementos; outros, ademais da Xunta, aportaron cartos, de xeito que, aínda que o número de exemplares non fora moi elevado, os particulares puideran adquirilos sen gastar demasiado para compralos. Os tradutores e coordinadores, fora de algúns que o necesitaban, por non ter traballo fixo ou teren familia, os demais non cobraron ren. Así o fixeron, pensando en que a obra puidera adquirirse a baixo costo.

A 1ª edición regaláraselle ao Papa Xoán Paulo II na súa visita a Santiago no ano 1982. Naquel caso, pola dificultade de compaxinar o agasallo ao Papa con unhas segundas probas, que cumpriría facer, saíu un exemplar con moitos erros: tantos que o que revisou esa edición para preparar a 2ª tivo que engadir algún texto que faltaba, poñerlle números a moitos versículos que estaban sen eles, cambiar vocábulos por outros mais axeitados, puntualizar moitas verbas e expresións…, retocar os índices, estruturar introducións, completar as notas a pe de páxina…

A 3ª edición non ten moitas reformas, pois o mais groso dos cambios estaba feito. No que respecta á 4ª edición, si que ten abundantes cambios. En primeiro lugar, hai que dicir que se fixo un gran traballo de estruturación das introducións a cada libro. Ademais, melloráronse os índices e as notas a pe de páxina. Contouse, por outra banda, cunha morea de lingüistas galegos, que buscaron as expresións mais procedentes para as diversas paisaxes, expresións que eran sempre revisadas, para que responderan aos relatos orixinais. Os diferentes textos, foran procedentes dun orixinal hebreo ou grego, e mesmo os poucos capítulos que se escribiron en arameo, se examinaron con detención, de xeito que responderan aos vocábulos que empregara o autor.

Velaí unha Biblia para o home galego, pois a lingua ven sendo expresión do propio ser, que se traduce nun xeito de falar axeitado ás condicións das persoas que viven nese país. Esa obra intenta chegar aos homes que falan o galego, para ofrecerlles o que o Deus vivo, creador de todo o que existe, quere transmitirnos, para configurar a nosa personalidade coas ideas e vivencias que El coida mais axeitadas para irmos crecendo en todo, ao tempo que somos útiles aos demais na sociedade que nos tocou vivir.

Esperamos que esta nova edición, tan enriquecida respecto das anteriores, sexa coñecida e utilizada polo pobo galego, de xeito que todos vivamos na nosa lingua o que Deus quere que coñeza o mundo enteiro.

José Fernández Lago

Artículo publicado en El Correo Gallego