A caridade dende Boqueixón

A riqueza dos pobres. A forza na debilidade

Pola presente informo a tódolos veciños e fieis das parroquias de Boqueixón,
Codeso, Pousada, Subcira-Donas, Oural, Ledesma (Boqueixón) e Bendaña
(Touro) no nome da parroquia e de Caritas Interparroquial, co seu presidente,
que vimos de transferir un donativo de 4.000 € para a Cociña Económica de
Santiago para mante-la asistencia nesta crise.

Certamente neste tempo non podemos xuntarnos na Igrexa, apenas sair da casa
salvo tantos traballos que, con certa exposición, manteñen en marcha a sociedade,
e a nosa vida social está reducida forzosamente.

Pero o virus, aínda que colla con idade ou debilidades físicas a moita poboación,
non nos colle desprevenidos moral ou interiormente. Somos fortes.
Hai anos que mantemos, coas nosas debilidades, unha fe que agora nos da
esperanza. E unha caridade activa. Cada domingo primeiro de mes renunciando a
moi pouco íase formando este fondo, do que agora, na necesidade, compartimos.
E aquí estaremos cos que perdan traballos e pasen dificultades despois da crise.

As nosas aboas e os nosos maiores ensináronnos que o que nos alimenta da terra é
un regalo de Deus, para agradecer e compartir. E aprendímolo. Na debilidade hai
forza, na pobreza riqueza. Aínda que o noso corpo estea débil para aguantar un
virus, e a nosa economía pobre para aguantar outra crise, aguantaremos, porque
o noso corazón é xeneroso, a nosa esperanza viva. Temos fe. Déuno-la Deus. A
mantedes viva vós.

De parte dos que non poden quedar na casa, porque non a teñen, ou non teñen
con qué ir a comprar: ¡Moitas gracias!

De parte das persoas que atenden a Cociña Económica en Santiago:

¡Moitísimas gracias!

Cando estou estos días nas vosas parroquias rezando só, sei que non estou so. Sei
que Xesús, aí na súa Cruz, no seu Corpo da Cea que se entregou por nós non está
só. Porque sei que o que nos deu a fe que compartimos, está a regalarme a vosa
xenerosidade dende hai anos, que agora será moi útil.

Non deixedes de chamarvos e asegurarvos que ninguén ó redor está demasiado só,
ou triste, ou pasa necesidade. Seguídeo facendo dende as vosas casas.

¡Gracias de novo, Deus volo pague!