A Parroquia de San Xoán Bautista de Carballo, en colaboración con Cáritas Interparroquial de Bergantiños e o Centro Social “San Xoán Bautista”, celebrou este xoves 12 de xuño o acto de clausura do curso 2024-2025, unha cita marcada pola emoción, os agradecementos e a posta en valor do labor educativo, social e comunitario que se desenvolve durante todo o ano no corazón desta vila bergantiñá.
O evento, celebrado nas instalacións parroquiais, contou coa presenza de autoridades locais e eclesiásticas, entre elas o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez; o párroco e consiliario de Cáritas, José García Gondar; o director de Cáritas Interparroquial, José María Martínez Casares; e a directora de Cáritas Parroquial, María Dolores Calvo Pumpido. O acto, dirixido por Fina Rey, comezoou cunha oración e a posterior presentación da memoria anual de actividades, un documento que puxo de manifesto o amplo abano de iniciativas que a parroquia desenvolve ao longo do curso, dirixidas a favorecer a inclusión, a solidariedade e o acompañamento das persoas máis vulnerables da comunidade.
Un dos momentos máis significativos foi a intervención do párroco José García Gondar, quen compartiu a súa emoción por unha dobre celebración persoal e comunitaria: o 50 aniversario da inauguración do complexo parroquial e os seus 60 anos como sacerdote, dos cales 53 foron exercidos en Carballo. Gondar fixo fincapé en que, malia non nacer nesta vila, sente Carballo como a súa casa e a súa xente como unha gran familia. Subliñou que a parroquia, xunto con Cáritas e o Centro Social, continúa apostando polo compromiso social e polas novas tecnoloxías, e destacou que “a Igrexa parroquial debe seguir sendo unha casa aberta para todos, un oasis de silencio, unha casa solidaria e un hospital de campaña para curar as feridas da alma”.
Durante o acto tamén tomou a palabra o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quen destacou o papel exemplar que desenvolve a parroquia como motor de cohesión social e integración. Agradeceu a entrega e o voluntarismo das persoas que fan posible este labor os sete días da semana, os doce meses do ano, e sinalou que “Carballo é un lugar de acollida, e iso débese en boa medida á acción permanente e comprometida de quen traballa desde a parroquia”.
Un dos piares fundamentais da actividade parroquial foi, un ano máis, a formación como ferramenta de inclusión social. A través do Centro Social “San Xoán Bautista” e en colaboración con Cáritas, a Consellería de Sanidade, a Escola Galega de Saúde para Cidadáns e o Concello de Carballo, desenvolvéronse ao longo do 2024/2025 diversos cursos formativos de inserción sociolaboral que contaron cunha ampla participación de persoas procedentes non só de Galicia e outras partes de España, senón tamén de países como Venezuela, Senegal, Cuba, Colombia, Perú, Marruecos e Uruguay. Esta diversidade cultural converteuse nun dos sinais de identidade da acción parroquial, que aposta pola integración real e efectiva a través da educación e a capacitación profesional.
Entre os cursos impartidos destacan dúas edicións do Curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, realizadas entre setembro e decembro de 2024 e entre marzo e maio de 2025 e coa colaboración do Centro de Día “Fogar de Bergantiños” de Verdillo e da residencia Domus VI. Estes cursos formaron a un total de 40 persoas, dotándoas de competencias reais para traballar no coidado de persoas maiores e dependentes.
Complementariamente, os alumnos participaron en diversos obradoiros especializados, organizados pola Escola Galega de Saúde, como o taller para a prevención de úlceras por presión en pacientes inmobilizados, o obradoiro de psicomotricidade e memoria na terceira idade, de primeiros auxilios, de coidados en casos de diabetes, mobilización de pacientes, hixiene bucodental e hixiene alimentaria, este último co obxectivo de obter o carné de manipulador de alimentos. En total, máis de 40 persoas completaron esta formación, que non só capacita profesionalmente senón que tamén favorece hábitos saudables e de coidado persoal.
Outra iniciativa destacada foi o Curso Básico de Corte e Confección para Maquinista Industrial, impartido de xaneiro a xuño no que participaron dez mozos e mozas, nove dos cales recibiron o seu diploma de aproveitamento. O curso foi deseñado como unha vía de inserción no sector téxtil, especialmente para a mocidade en risco de exclusión social.
Tamén se impartiu un Curso Básico de Operador de Carretilla Elevadora, financiado por Cáritas Diocesana e dirixido especificamente a persoas migrantes en situación irregular que non solicitaran protección internacional. A formación, impartida por profesionais en decembro de 2024, contou con 15 participantes que agora contan cunha cualificación moi demandada en sectores loxísticos e industriais.
Amais destes cursos profesionais, a parroquia tamén promoveu actividades formativas máis centradas no desenvolvemento persoal e no lecer, como cursos de arte floral, bordado e encaixe de bolillos de Camariñas, que aínda que non deron lugar á entrega de diplomas, si cumpriron unha importante función terapéutica, de socialización e de autoestima para as persoas participantes.
Outro dos momentos emotivos do acto foi a entrega das Medallas da Parroquia de Carballo aos voluntarios do Programa de Apoio Educativo “Bo Samaritano”, unha iniciativa pioneira para combater o fracaso escolar entre nenos e adolescentes en situación de vulnerabilidade. Recibiron este recoñecemento Antonio Andreu Cid, María Teresa Veiga Torres, Inés Méndez Fuentes, José Castro Teijeiro e José Vázquez Gómez, con mención especial a Amparo Rodríguez Rodríguez, ausente por causas xustificadas. Grazas a este programa, decenas de nenos reciben apoio académico, emocional e valores para unha convivencia respectuosa e fraternal.
Como colofón, fíxose a entrega conxunta de diplomas aos participantes en todos os cursos, e seguindo a tradición dos últimos anos.
Desde a Parroquia de San Xoán Bautista xa miran cara o novo curso, no que están proxectados novos programas como a Horta Solidaria de Sísamo, a plantación de aguacates, o Xardín da Milagrosa ou a xestión das casas de acollida vinculadas ao convenio entre o Arcebispado e Cáritas. E como ben dixo o párroco: “A parroquia non pecha por vacacións. Seguimos abertos 24 horas ao día, 7 días á semana”.