Deixemos atrás a pandemia

A competencia dos nosos médicos, o gran sacrificio de todos os profesionais da saúde, permiten albiscar o final da peste do croavirus. Fálase agora da desescalada. Primeiro os nenos! Así debe ser. Aquela pregunta que temos oído: Pódese sacar os cans a pasear e non se poden levar ós nenos? Estaban cheos de razón os que así pensaban.

Os vellos quedamos para o final. Somos parte moi debilitada. A estatística dos que finaron está formada, en boa parte, por xente maior.

Haberá medios preventivos. Mascarillas, guantes. Respectar a distancia de seguridade, quizais tamén a limitación polo aforo dos locais.

Noutras situación semellantes, por exemplo, tras a peste do século XVIII con Carlos III, recomendouse o caleado das igrexas como medio para evitar contaxios.

Tamén houbo bulos. Como aquel que dicía que as pías de pedra para o bautismo, criaban non sei qué virus na auga alí retida. Foron moitas as pías que, desde aquela se fixeron de mármore e botáronse a perder, ou pasaron como ornamentación ós adros das igrexas as antigas pías.

A crise que teremos que soportar será grande. Penso no Ano Santo Compostelán do 2.021. Haberá, nos comenzos, un descenso de peregrinos. Paréceme acertada a idea de que ese Ano Santo se prolongue no 2.022. Hai un antecedente. Así, o Ano Santo de 1.937 seguiu no 1.938. A razón para esta ampliación foi que, esperándose o final da guerra civil, como algo próximo, os soldados e a xente terían ocasión de vir a Compostela no 1.938.

Roma accedeu a esta petición do arcebispo compostelán, daquela D. Tomás Muñiz.

A guerra rematou no 1.939

NOTA

Sempre me preocupou ver as bóvedas románicas da catedral de Santiago caleadas. Labor ben difícil e para min inexplicable. Pero estou seguro que ese caleado non obedece á prevención de contaxios. Outras razóns haberá. O botafumeiro adoitase dicir que funcionaba para ventilar a catedral ante a moitedume de peregrinos. Non era por iso. O botafumeiro hóuboo en máis catedrais e foi suprimido, non así en Compostela por decisión do arcebispo Sanclemente. Era un instrumento litúrxico.

Xosé Pumar Gándara