En camiño con María

No medio do barullo mediático das recentes eleccións, e o anuncio das xerais, e mentres na diocese de Santiago se ultiman os preparativos para o inicio do ministerio episcopal de Mñor. Prieto como arcebispo, tivo lugar un acto mariano de oración polo sínodo universal, en cada unha das tres Vicarías. Foi o pasado mércores-31 de maio, festa da Visitación, as sete da tarde, en tres templos de referencia mariana: Amil, Iria Flavia e Pastoriza.

Seguiuse un guión proposto desde a Conferencia Episcopal, co acento e variantes que xurdiron en cada lugar. Foron celebracións sentidas e valoradas polos participantes como fermosas, participativas, fluídas e cheas de fervor. Acudiron fieis de distintos lados en número notable, tendo en conta que era un día laborable, e que o tempo de convocatoria foi moi curto. A preparación e coordinación en cada centro dirixiuna o correspondente párroco; e a presidencia, o vicario territorial, que tamén aportou unha reflexión homilética.

A selecta proclamación de textos bíblicos, as distintas intervencións (curas, familia, mozos…) en cada parte, e as intencións apuntadas, os cantos… fixeron desta oración un tempo reconfortante e alentador.

Algun retrato ou vídeo recollido discretamente, so da unha idea superficial do vivido nestes actos. O soño-vivencia de caminar xuntos, en comunión, participando e lanzados á misión na vida diaria, son experiencia sinodal xa, aquí e agora.