O Botafumeiro

Grande incensario o turíbulo que se utiliza desde hai séculos na Catedral de Santiago para realzar algúns actos. Chámase así porque bota fume, un fume aromatizado polo incenso, que se esparexe nas brasas acendidas no turíbulo. Póñeno en funcionamento uns empregados da Catedral, que, no exercicio da súa función, reciben o nome de “tiraboleiros”.

Hai medio século, o botafumeiro funcionaba mais que nada nas solemnidades litúrxicas do calendario cristián: Eran, salvo erro do que escribe, O día primeiro de Ano, A Epifanía, A Purificación da Virxe, San Xosé, Pascua, Pentecostes, Corpus, A Aparición do Apóstolo (Clavixo), San Pedro e San Paulo, Santiago o Maior, A Asunción da Virxe, O Pilar, Tódolos Santos, A Inmaculada, O Nadal e A Traslación do Apóstolo. De ordinario, facíase funcionar durante a Procesión de Tercia: cando os cóengos -normalmente presididos polo Arcebispo- se dirixían pola xirola cara ao altar, mentres os músicos entoaban a música das chirimías: antes de ollar cara ao Pórtico da Gloria, parábanse na nave da Acibechería, e, despois de poñer incenso no botafumeiro, os tiraboleiros poñíano a funcionar.

Tamén funcionaba noutras ocasión, por mor do interese de algúns colectivos, como congresistas ou compañeiros de promoción, que se daban cita en Santiago para rememorar a súa estadía na Cidade do Apóstolo cando facían os seus estudos académicos. Reuníanse en Santiago, e acudían á Catedral para participar na Eucaristía. Encargaban e costeaban o Botafumeiro, que funcionaba ao remate da Santa Misa. Un pouco mais adiante, debido a que algúns membros do colectivo non eran moi dados a incluír a Misa nos actos da súa celebración, reduciuse o acto no que funcionaba o botafumeiro a unha lectura da Biblia, unha oración sacada da liturxia, e unhas palabras do cóengo que presidía. Ao ver O Cabido da Catedral que eses encontros co funcionamento do Botafumeiro podían converterse en actos mais ben de certo folclore na basílica, os membros da Corporación Capitular decidiron que só funcionara o botafumeiro cando se tivera a Celebración Eucarística.

Comezou a chegar desde o ano 1993 unha morea de peregrinos, ansiosos eles de visitar Santiago, con todo o que a cidade puidera ofrecer. Por consideración para con eles, O Cabido chegou a facer funcionar o botafumeiro tódolos días nos meses de xullo e agosto, durante a Misa de 12. Desde logo, moita xente, sobre todo a que chegaba dun lugar para alá do Atlántico, gozaba e mesmo choraba de emoción vendo subir e baixar, dunha a outra nave transversal, o gran incensario. Pouco a pouco, algúns grupos de peregrinos ían pedindo o seu funcionamento noutras Misas. Chegou o momento en que se estableceu que, fóra das celebracións principais, quen quixera o botafumeiro tiña que costealo. Este ano funcionou a miúdo, e houbo días nos que estivo en actividade en dúas ou tres Misas da mesma xornada. Prodigouse así mais que nunca. Cando non funcionaba era os domingos pola tarde, e mesmo nas tardes dos sábados, por consideración cos tiraboleiros, pois tamén eles teñen a súa familia, que coidar de preto.

En resumo: O Botafumeiro non é un instrumento necesario para celebrar a Eucaristía; tampouco é tan importante como a predicación da Misa, por exemplo. Certo que serve para solemnizar os actos litúrxicos, ao ofrecerlle incenso ao Todopoderoso. Aos asistentes aos actos da Catedral gústalles velo, especialmente cando veñen de lonxe e non contan con retornar axiña a Santiago. Como tódalas cousas, tamén esta crea un problema: hai moita xente que esgota o aforo da Catedral, impedindo que moitos que queren asistir á Misa non o poidan facer, cando eles non teñen ningunha ansia de participaren na Liturxia… Como se ve, non todo é bo…

José Fernández Lago
Artigo publicado en El Correo GAllego