O noso Apóstolo é Peregrino

O sábado 22 o Sr. Arcebispo bendiciu na igrexa compostelá de S. Félix de Solovio a imaxe de Santiago que vai percorrer a nosa diocese anunciando, e preparándonos, para o Ano Santo 2.021.

Vista a imaxe en fotografía, parécenos un Apóstolo meditante, místico. Como dialogante con fregueses das parroquias polas que vai pasar.

No meu ver, o noso Apóstolo é, principalmente, un peregrino que veu ós confíns do imperio romano dos seus tempos, para anunciar o Evanxeo.

Agora, no seu percorrido pola diocese compostelá, é outro peregrino que nos chama a peregrinar á Catedral e sentirnos peregrinos por este Val de Bágoas.

Consecuencia que queremos tirar. A imaxe debera ter ben marcado ese carácter peregrinante. Vennos ó maxín aquela escultura do Apóstolo que hai na Casa Diocesana de Exercicios de Santiago. É da autoría do escultor compostelán Anxo Rodríguez Moure. Falando personalmente con el (falecería haberá 35 anos) tennos dito que tal obra está inspirada nunha imaxe de canon menor que era propiedade dunha familia particular.

O seu escultor fora Gambino. Na interpretación que fixo Rodríguez Moure, vemos un Santiago de paso largo e apresurado, a súa vestimenta experimenta o movimento de tal camiñar. O Apóstolo, “fillo do trono”, leva présa por chegar deica Galicia.

Con este mesmo espíritu misioneiro, vemos imaxes de canon menor, nas igrexas de Santiago de Sísamo e de Santiago de Arteixo. Todas admirables.

Rodríguez Moure (e.p.d.) sentíase satisfeito da súa obra. Nas tarxetas que el tiña para acreditar un pago, figuraba o Santiago peregrino da Casa Diocesana de Exercicios Espirituais.

Xosé Pumar Gándara