Peregrinando por la Diócesis: San Xoán de Carballo (1ª-2ª parte)

Notas para a historia da parroquia de San Xoán de Carballo

I

     Unha maxestosa escalinata interior dá entrada aos andares do edificio de San Martiño Pinario, que foi deseñada por frei Manuel de los Mártires, do convento de Bonaval. Arte e técnica fixeron posible que os tramos de amplos chanzos non teñan apoio vertical. Case rematando o ascenso, estamos diante dunha cartela, ben ornamentada, labrada en pedra, onde lemos: ARCHIBO (sic). Aquí estaba a gran documentación do mosteiro benedictino. Foron preitos, privilexios…, todo ben organizado e custodiado. Esta secular documentación fixo que monxes, con boa caligrafía, redactasen libros índice, para poder servirse do material arquivado. Vén a exclaustración (1835), a desamortización (1836) e o resultado foi que tan magno edificio quedase a mercé de usos diversos, lamentables, do que nos fala Couselo Bouzas en “Fray Rafael de Vélez y el Seminario de Santiago”. Incuria, ruína para un tesouro da historia galega.

Boa parte da documentación, cualificada como de “Bienes Nacionales”, pasaron a Madrid. De vez en cuando os nosos políticos falan de restitución. Sequera, que teña Galicia copia fidedigna. Para a Universidade de Santiago pasaron códices referentes a foros e libros de contadoría. Afortunadamente, no veterano mosteiro, hoxe, Seminario Maior, quedaron libros índices, obras que repetidas e actualizadas cada tantos anos polos monxes, hoxe podemos consultar.

Xa Barreiro de Vázquez Varela publicara contra o final do século XIX, un catálogo do arquivo de San Martiño Pinario na revista “Galicia Diplomática”. Pero hai poucos anos, Lucas Álvarez, publicou toda a documentación que garda o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago sobre os grandes mosteiros de Pinario, Antealtares, Soandres e Toques. Pena é que estas importantes obras non teñan índices de topónimos nin de persoas.

Imos facer, pois, unha pescuda, escolma, nestes traballos de Lucas Álvarez, para ampliar noticias sobre San Xoán de Carballo.

II

     O cristianismo estaba presente na nosa diocese no século IV. Así opina López Ferreiro, que fixo estudos arqueolóxicos en campas descubertas. O mesmo afirma Díaz y Díaz (p.11), que nos fala dun achádego en Vimianzo, de hai poucos anos. Outros autores fixan o século V como máis aproximado á realidade. A romanización de Carballo, en relación coas súas augas termais, é un feito aceptado. Mesmo o padroado de San Xoán, o Bautista, estaría motivado no beneficio que achegaban as augas como curación de males da saúde. Pero viñeron os suevos, que eran arrianos (unha interpretación parcial da persoa de Cristo) e quedaron borradas as liñas do incipiente mapa relixioso de Galicia. Convertidos despois a un cristianismo pleno co rei Teodomiro, houbo que repoñer as antigas dioceses. Hai un concilio en Lugo o 1 de xaneiro de 569, e del saíu o Parroquial de Suevo, tamén coñecido como División de Teodomiro.

Restableceuse a diocese de Iria, entre máis, que hoxe perviven. Decrétase cales serán os pobos que a integrarán. Á de Iria pertencerá Bergantiños. Así aparece unha segunda edición do Parroquial. Entende Díaz y Díaz que as referencias do documento son de xentilicios, non de topónimos. Polo tanto, quérese dicir que “hai cristiáns de tal tribu ou nome”. Co tempo darían nome ao territorio.

Naqueles case 200 anos (s. VI-VII) do período suevo, houbo un florecemento monástico en Galicia, propiciado por San Martiño Dumiense e San Froitoso. Pequenos mosteiros familiares, e outros creados pola mesma igrexa, estendéronse na nosa terra. Chegou a orde benedictina e todos eles foron incorporados á regra de San Bieito. Os monxes bieitos fundaron moitas parroquias, axudaron ao cultivo dos campos, á cultura e organización da sociedade.

Así pasou en Soandres, mosteiro escaso en documentación, pero que no século X recibe importantes doazóns. Residiu alí un bispo chamado Nuño, que supoñemos viría fuxindo da dominación musulmana. Soandres terá a cura de almas nas comunidades da súa redonda (Fernández de Viana). Mesmo chegou a servir a San Xoán de Carballo. Aquí tivo propiedades. Eran Algoa (A Lagoa?), Douco, Insua, O Penedo, O Viso (Lucas A., tomo Soandres, p. 122).

Sen dúbida esta posición económica aconsellou ao arcebispo Lope de Mendoza conceder dereitos de sinecura ao mosteiro de Antealtares, primeiro, e despois ao de Pinario. Por metade e cada un. Foi no ano 1.410. Concesión confirmada no 1.418 (Lucas A., tomo II, PP. 1.152-1.155).

Continuará

     Xosé Pumar Gándara