Testimonio: Alfredo

Son Alfredo, estou casado con Loli, residimos na casa da miña querida sogra e a menos de 700 m. dos meus máis queridos pais. Monfortino de nacemento, vivo no Martinete, un barrio semirural da periferia da cidade da Coruña.

A miña profesión é a avogacía. A nivel pastoral, subdelegado de apostolado seglar da diocese. Son militante da Irmandade Obreira de Acción Católica-HOAC, e desde xaneiro colaboro na EDAP como animador do grupo de vida de Pontedeume. A miña parroquia é S. Cristovo das Viñas, onde colaboro na catequese cos pais, na revista e no consello de economía.

 

Que opinas do Coronavirus?

Entendo que nos referimos ao COVID-19: a nivel científico aínda está sen descubrir nin a orixe, nin con exactitude a forma de propagación nin saberemos se haberá vacina. Pero desgraciadamente afecta ás persoas máis débiles (persoas enfermas, anciáns), co que a pandemia fai unha especie de selección natural.

 

Custou quedar na casa? Por que?

Ao vivir nunha casa con terreo e horta e poder traballar desde casa non me custou demasiado. Puiden saír para facer recados a familiares e veciños, e ao despacho algunha vez, nada que ver con tantas persoas que ou ben viven soas, ou ben viven con pequechos e nun pisiño pequeno.

 

Algo que te axudou a levar mellor a rutina cotiá na corentena.

Manter horarios similares, adicar un tempo todos os días para a contemplación e outro para a meditación do evanxeo. O feito de ter reunións por videoconferencias e continuar un curso online de pastoral penitenciaria obriga a centrarse.

 

Unha lección a aprender.

A necesidade que temos as persoas respecto dos demais, de comunidades solidarias onde poder encontrarnos, e de que formamos unha soa familia que vivimos nunha casa común que debemos coidar, e na que debemos axudar ás persoas máis vulnerables da nosa familia humana.

 

Unas palabriñas para Deus

Grazas por acompañarme. E grazas por estar ao carón das persoas que sofren, en especial quen vive en desacougo pola incerteza dun traballo digno e un salario xusto.

 

Unha dedicatoria para alguén

Unha amiga que morreu do COVID-19, Josefina: grazas a Deus polo teu testemuño de servizo e pola túa preocupación polas persoas máis pobres e indefensas.

 

Un modo de servir aos demais sen saír da casa

Chamar por teléfono a amizades que hai tempo que non ves ou que viven soas. E non mandar sen máis unha mensaxe de Whats’app: comunicar esperanza e difundir formas de colaboración solidaria, desbotando e non reenviar mensaxes que difundan división e discordia.

 

Un soño

Que a pandemia nos faga medrar como persoas, que acabe co capitalismo que mata miles de persoas de fame e enfermidades evitables, que se potencie e valore máis a economía social e solidaria, que nos decatemos que temos que coidar ás persoas e ao planeta…