Igrexa polo Traballo Decente denuncia que a crise da vivenda expulsa á mocidade traballadora dunha vida digna

  • Reclama emprego estable, salarios suficientes e políticas públicas que garantan o acceso a unha vivenda alcanzable.

Acceder a unha vivenda e construír un proxecto de vida autónomo converteuse nunha carreira de obstáculos para miles de mozos. Á escalada dos prezos da vivenda, marcada por dinámicas especulativas, súmase un mercado laboral  que cada vez  ofrece menos garantías de estabilidade  e protección. O resultado é que só o 31% das persoas entre 18 e 34 anos vive de forma independente sen axuda familiar e a idade media de emancipación alcanza xa os 30,2 anos.

Ante esta realidade, as organizacións que integran a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) denuncian que a actual crise de acceso  á  vivenda converteuse   nun dos principais factores de exclusión social. No seu manifesto para a Xornada Mundial polo  Traballo Decente, que se celebra o 7 de outubro  baixo o lema «Ante a exclusión, traballo decente», alertan de que dispoñer dun emprego xa non garante unha vida digna.

«A crise habitacional converteuse nun dos rostros máis visibles da exclusión», sinala ITD. Os elevados prezos da vivenda e dos alugueiros obrigan a moito persoas traballadoras a compartir  piso durante anos, endebedarse ou renunciar a desenvolver un proxecto de vida  autónomo. «Cando o dereito á  vivenda se subordina á lóxica especulativa, o traballo perde a súa capacidade de soster unha vida digna», advirten as entidades.

A iniciativa subliña que esta situación  golpea especialmente á  mocidade. Lonxe das expectativas que durante décadas asociaron formación, emprego e benestar, miles de mozos e mozas encadean contratos precarios e salarios insuficientes mentres ven afastarse a posibilidade de acceder a unha vivenda.

«Moitos mozos teñen dificultade para chegar a fin  de mes,  comparten piso con persoas descoñecidas ata os corenta anos porque non hai forma de atopar alugueiros alcanzables», recolle o manifesto.

Para visibilizar esta realidade, as organizacións de Igrexa polo Traballo Decente celebrarán o 7 de outubro actos públicos en distintas cidades de España. Baixo unha escenificación que contrapón os espazos de exclusión e de inclusión, as accións mostrarán como o traballo decente constitúe a «chave» que permite acceder a dereitos fundamentais como a vivenda, a protección social e un proxecto de vida digno. Con esta iniciativa, ITD quere lembrar que a exclusión non é o resultado de decisións individuais, senón a consecuencia de estruturas económicas e laborais que deben transformarse desde a corresponsabilidade social e as políticas públicas.

DATOS SOBRE A REALIDADE LABORAL

Taxa de paro xuvenil en 2006: 16% Temporalidade xuvenil: 32%

Só o 31% dos mozos de 18 a 34 anos vive de xeito independente sen axuda familiar

30,2 anos é a idade media de emancipación

3 de 10 mozos están en risco de pobreza ou exclusión