Ningunha outra catedral europea ten catro prazas

O patrimonio é un compendio de historia e pensamento, memoria, arquitectura e arte, espiritualidade e beleza. Representa dalgún xeito a transcendencia, pero, ao mesmo tempo, a súa materia é fráxil, pode chegar a ser efémero. O patrimonio usámolo e habitámolo a diario e por iso necesita ser restaurado e conservado para compensar os problemas ocasionados pola acción humana e os efectos ambientais e climáticos.

A catedral de Santiago e as prazas que a rodean forman un conxunto topolóxico que soamente pode ser entendido no contexto urbanístico creado ao longo dos séculos, e non sen dificultades, pola iniciativa da mitra, como corresponde a unha cidade de señorío eclesiástico, e tamén dos Reis Católicos, coa fundación do hospital real. A súa configuración comportou non poucos derrubamentos e a resolución de conflitos de poder. Catedral e prazas albergan todos os estilos arquitectónicos e as correntes estéticas máis importantes. Iluminadas polo xogo do sol e as sombras, confúndense artística e espiritualmente coa cidade, pero desde o punto de vista vivencial son diferentes.

Falar da catedral e das súas prazas é introducir un diálogo necesario entre todas as institucións coidadoras do patrimonio co obxectivo de ordenar os distintos usos e actividades que se desenvolven ao longo do día e do ano, e que ás veces tropezan indebidamente uns cos outros. Un diálogo para poñer sobre a mesa a dualidade relixiosa e laica, espiritual e festiva, e poder facer compatibles, como acontece en moitas cidades europeas, a diversión, a cultura e a liturxia, que se manifestan simultaneamente en datas contadas, polo 24 e o 25 de xullo, a Semana Santa e a ofrenda do 30 de decembro.

Ningunha outra catedral de Europa ten catro prazas coma as de Compostela. Ningunha tampouco ten unha peregrinación en auxe, e o ano xubilar 2021 está ás portas. Cómpre, pois, abrir ese diálogo entre a Administración autonómica, a local, a central e a Igrexa, que forma parte, coa Universidade, do Real Padroado de Santiago. Un diálogo complementario e indisociable desa restauración que xa vai gozando a cidadanía, grazas á aplicación sistemática dos recursos achegados polas Administracións públicas, os propios da Fundación Catedral e mais os da Fundación Barrié no pórtico da Gloria.

O patrimonio divúlgase e transmítese, na súa dimensión material e inmaterial, pro commoditate ac ornato urbis, como reza a inscrición que coroa a Casa do Cabido, nas Praterías. Na obriga de transmitilo con intelixencia e cultura aos séculos vindeiros estamos todos convocados e comprometidos.

Daniel Lorenzo Santos

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia (5/10/2018)