Parroquias«Un cura non só ten que teorizar, tamén debe poñer en práctica...

«Un cura non só ten que teorizar, tamén debe poñer en práctica o que di»

  • Desembarca en Ribeira co propósito de poñerse ao servizo da parroquia e darlle continuidade ao labor de Canabal

Leva case nove anos en Muros, tempo que aproveitou para poñer en marcha un ambicioso proxecto vinculado ao turismo baixo o título de Ruta de Auga e Sal, que incluíu a rehabilitación de edificios patrimoniais para a súa conversión en museos. Desde hoxe, Alfonso Mera (Vedra, 1973) asume o reto de substituír a Cesáreo Canabal á fronte da parroquia de Santa Uxía. É consciente da dificultade do desafío, pois o seu antecesor deixa o púlpito de Ribeira con catro décadas de traxectoria ás costas e unha fonda pegada no pobo. O sacerdote chega co obxectivo de darlle continuidade ao traballo realizado.

 -¿Cal foi a súa reacción cando o arcebispo lle propuxo este traslado a Ribeira?

-Calquera proposta de traslado supón un cambio e polo tanto a reacción é sempre analizar todo o que iso leva aparellado. Aínda así, estou sempre disposto para o que diga o arcebispo.

-¿Pero tiña previsto establecerse en Muros?

-No momento actual, co número de sacerdotes caendo en picado, creo que os curas non podemos aspirar a establecernos nunha parroquia.

-Pero é unha mágoa deixar a Ruta de Auga e Sal a medias…

-En certa medida si, porque é un proxecto que aínda non está concluído, pero espero que o cura que me suceda teña en conta o traballo realizado e lle dea continuidade. Hai que ter en conta tamén que detrás hai un grupo de xente que seguro que seguirá coa ruta.

-Na parroquia de Muros marcou un antes e un despois pola súa forma de traballar, ¿chega coa mesma intención a Ribeira?

-Paréceme importante chegar e ver como está a situación, non son especialista en facer cambios. Quero coñecer a xente da parroquia, comprobar como está traballando e, con toda esa información, analizarei que se pode facer. Mantiven conversas con Cesáreo Canabal para coñecer as súas liñas de actuación e darlles continuidade.

-Cesáreo Canabal, como el mesmo recoñeceu, caracterizouse polo seu carácter forte, ¿chega vostede con ansias de reconciliación?

-Penso que el non se levaba mal coa parroquia. Todos temos un carácter que nos define, pero teño a sensación de que se vai deixando moita xente que o quere, polo que non creo que sexa necesaria esa reconciliación.

-¿Ve posible desenvolver en Ribeira algún proxecto similar ao que impulsou en Muros, que transcenda das fronteiras da Igrexa?

-O proxecto de Muros respondía a unha necesidade dun momento concreto, polo de agora non sei se en Ribeira existe unha carencia similar. O que teño claro é que me vou implicar na parroquia, porque considero que un cura non só ten que teorizar, tamén debe poñer en práctica o que di. Descoñezo cales son as necesidades de Ribeira, pero tendo en conta a poboación que ten, seguro que me vexo moi pequeno para atender todo. Hai Cáritas, Mans Unidas, catequeses… Non sei se poderei abarcar máis.

-Co que sabe de Ribeira, ¿con que expectativas desembarca?

-Quero ser un cura que estea coa xente, que os veciños me coñezan e poidan contar comigo para o que precisen. Quero ser un sacerdote normal que chega a unha parroquia. Polo de agora, non teño máis expectativas.

Fuente: M.X. Blanco | La Voz de Galicia
Foto: Frran Brea

Lo más visto

Condecoración a cuatro sacerdotes en la celebración del Pilar

Los sacerdotes Antonio Vila Brion, párroco de Baroña y Xuño, Ramón Jorge Mosquera (Porto do Son e unidas), Jesús López Míguez (Outes) y José...

«Polo Camiño da fe»: 75 anos da Irmandade Obreira de Acción Católica

A Irmandade Obreira de Acción Católica cumpre 75 anos de existencia. Os militantes de toda Galicia runíronse na Raíña para compartir una xornada de...

Más Entradas